Sunday 12 de May de 2024

A United States Lighthouse Society visita a Torre de Hércules


Un grupo de 22 estadounidenses puido coñecer hoxe o faro romano máis antigo do mundo

A organización sen ánimo de lucro, referente en EE.UU., fai parada na Coruña na súa viaxe polo norte de España

Este luns, a Torre de Hércules na Coruña recibiu a 22 estadounidenses afeccionados aos faros. O grupo, que forma parte da United States Lighthouse Society, puido coñecer o faro romano máis antigo do mundo aínda en funcionamento nunha visita guiada.

Este mes de setembro, a entidade organizou unha viaxe polo norte de España, desde San Sebastián ata A Coruña. En total, o grupo fixo parada en 38 faros ao longo do Cantábrico e o Atlántico, entre os que non podía faltar a Torre de Hércules. Este sinal marítimo, construído na segunda metade do século I d.C, é Patrimonio Mundial da UNESCO desde 2009.

Segundo explica Henry Gonzalez, vicepresidente da asociación, o faro coruñés é dabondo coñecido entre os norteamericanos. No seu percorrido, decidiron que A Coruña fose unha das súas últimas paradas (a viaxe rematará mañá martes en Fisterra), como colofón debido á importancia histórica e cultural da Torre de Hércules. A súa visita á cidade herculina enmárcase nun dos tres viaxes internacionais que a US Lighthouse Society organiza cada ano. Este 2023, a agrupación visitou tamén Islandia e Irlanda e regresou a España despois de 20 anos.

A United States Lighthouse Society

A United States Lighthouse Society é a asociación de amigos dos faros máis grande do país norteamericano. Sen ánimo de lucro, esta organización ten como obxectivo dar a coñecer a riqueza e o legado dos faros estadounidenses e axudar á súa conservación.

Sobre o Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña

Turismo da Coruña é un consorcio formado polo Concello da Coruña, a Cámara de Comercio, Industria e Navegación, e a Autoridade Portuaria da Coruña, cuxa labor é converter o turismo nun dos motores económicos da cidade herculina. O ente é o responsable da promoción e comercialización da cidade nos ámbitos nacional e internacional e participa na creación de produtos que aporten unha maior calidade e atractivo á oferta turística da mesma. Precisamente, e co obxectivo de pór o seu maior esforzo no servizo ao turista, este organismo conta cunha oficina central, dous Puntos de Información turística no centro da cidade e outro, de Atención ao Cruceirista. Na actualidade, o Consorcio de Turismo e Congresos diríxeo como presidente o terceiro tenente de alcaldesa e concelleiro de Cultura, Normalización Lingüística e Memoria Histórica Gonzalo Castro, e como director xerente Moisés Jorge Naranjo, e conta cun equipo técnico de informadores e informadoras, especialistas en promoción turística e persoal administrativo.